Ao longo do presente mes de novembro, a dirección do Arquivo da Catedral de Santiago ven de finaliza-la tramitación, consideración, aprobación e asinado dos Estatutos e Principios Rectores do Área de Documentación Medieval do Arquivo da Catedral de Santiago. Culmina con elo o proceso de creación efectiva do ADM dentro do ACS, unha iniciativa pioneira, no eido dos arquivos galegos e peninsulares, de protección e atención específica á documentación medieval, o seu tratamento, a súa investigación e a súa difusión.
O ADM, sempre sometido á dirección do ACS, non posuirá atribucións arquivísticas, senón científicas, dende o punto de vista da investigación histórica, e de difusión da información. Concíbese, así, coma un órgano que, entre outros aspectos, potencie o coñecemento e difusión da documentación medieval que se custodia na institución, tomada coma patrimonio de Galicia e de todos os galegos, así coma do Estado en xeral. Potenciarase, igualmente, o contacto con outras institucións, a colaboración e cooperación, co medievalismo e a documentación medieval coma punto de encontro.
Ao mesmo tempo foi nomeado o primeiro director técnico do ADM na persoa de Xosé M. Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral no marco do Convenio de Colaboración coa Xunta de Galicia a traveso da Dirección Xeral de Patrimonio.
Manterá o ADM o presente blog coma ferramenta de difusión e comunicación, así coma o e-mail do ACS: acs@planalfa.es.
Nace, pois, o ADM, de maneira efectiva, coa vontade de comunicación e colaboración, agardando que tal nacemento non sexa máis ca o comezo dunha importante actividade.