O Consello da Cultura Galega ven de publicar moi recentemente, no seo súa da colección Fontes para a Historia de Galicia, tres catálogos correspondentes a outros tantos conxuntos documentais do ACS, todos eles con certa relación co período medieval.
Por unha banda edítase o Catálogo da Colección Guerra Campos, do fondo de documentación pertencente a José Guerra Campos, cóengo compostelán. Realizado por Mª Elena Novás Pérez, este volume contén detallada información encol da investigación xacobea medieval e de traballos coma as excavacións realizadas nos anos 50 ou diversos traballos sobre a peregrinación; destacan tamén as informacións bibliográficas e as exhaustivas notas sobre o eido xacobeo na Europa medieval tomadas por Guerra Campos no seu tempo.
Publícanse, por outra banda, o Catálogo da Colección López Ferreiro e o Catálogo da Colección de Manuscritos, elaborados por Xosé M. Sánchez Sánchez. O primeiro deles dá conta do enorme fondo documental e bibliográfico de Antonio López Ferreiro, cóengo de finais do século XIX e principios do XX, recollendo tanto as notas dos seus estudios coma abudante documentación orixinal dos séculos XIII-XV. O volume inclúe tamén o catálogo da biblioteca do cóengo, con salientable bibliografía de arquoeoloxía sacra, a disposición dos investigadores no ACS. O Catálogo de Manuscritos, pola súa banda, recolle as referencias de dita colección, con varias obras manuscritas encol da tradición medieval xacobea, como a peregrinación, a orixe do culto xacobeo ou o Voto de Santiago.
Emanan estas obras da colaboración que o Consello da Cultura Galega e o Arquivo da Catedral de Santiago manteñen xa dende o ano 2001, coa financiación e realización de proxectos concretos. Tres volumes que facilitarán a consulta de fondos no ACS así como orientarán a investigadores e interesados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario